http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/falar-comida/idEdicion-2009-11-20/idNoticia-489223/

20.11.2009
XOSÉ CERMEÑO
Umberto Eco, con esa facilidade de seu para expresar cousas profundas con poucas e claras palabras di que, cando viaxa, "sen a experiencia da comida non comprendería o lugar no que me atopo nin a maneira de pensar dos seus habitantes". Afírmao no prólogo dun libro no que se contan cousas dun país no que falar de comida non é simplemente comentar este prato ou aque­loutro, senón facer referencia a un mundo denso do que forman parte ritos, sabores, memorias, aromas, lugares, agricultores, mariñeiros, historias escoitadas na infancia. O libro prologado por don Umberto está escrito por unha profesora ucraína -Elena Kostioukovitch, tradutora e xornalista- que descubriu moi lonxe do seu Kiev natal que nalgunhas partes falar de comida estimula paixóns tan acendidas como o feito mesmo de comer e compartir a mesa. Ela explora o caso concreto dun país no que a comida "é un tema que permite descubrir riquezas atesouradas pola memoria, gozar de rarezas léxicas, embriagarnos coa nosa propia elocuencia e coa verba allea, compartir cos amigos as nosas experiencias". E escoitando as conversas deses cidadáns, repasando os seus vellos libros e crónicas, chegou a entender que o código culinario é "por riba doutros valores e ideais comúns, un aglutinante, un factor unificador da identidade nacional".

O seu repaso por ese país faille ver que, por detrás desa teima por falar da cociña, existe unha rica cultura material -cultivos, produtos, receitas...- e un inmenso tecido simbólico no que as festas teñen un lugar destacado. Case vexo, mentres leo no libro, a cara de abraio da autora cando descobre que... hai festas dedicadas a case todo o que se come! Pan e cabaza, viño e castañas, mazás e cogomelos, peixes e coellos, cereixas e mariscos, carnes á grella e tortas de millo... todo ten a súa festa local. Non podía ser menos, cando nos enfrontamos a algo de tanto valor social e político.

O curioso é que a señora Kostioukovich non fala de Galicia e dos galegos, senón de Italia. O libro é Por que a los italianos les gusta hablar de comida, que acaba de publicarse en castelán (Tusquets) pero que parece un libro de socioloxía galega.